A moda sostible, tendencia do 2018

Por que seguir esta corrente e como contribuimos dende Saias Ledas

Din que a moda sostible é tendencia neste 2018 e en Saias Ledas non podemos estar máis contentas. Queres saber por que e como contribuimos?

Sigue lendo!

A saturación do contacto coa tecnoloxía, o estres polo ritmo de vida urbana, a competitividade constante incluso con nós mesmos, a degradación do medio ambiente… Todos este problemas veñen asolagándonos dende o inicio desta revolución tecnolóxica que vivimos. Antes ou despois era inevitable (e totalmente necesario) que a xuventude se encarara contra este planeta que se toparon e nos encamiñe cara unha sociedade un pouco menos autodestrutiva. A isto chámanlle moda, pero unha moda é un gusto colectivo cambiante e relativo. O ecoloxismo non pode ser unha moda pasaxeira. É algo que temos que ir integrando pouco a pouco nas nosas vidas. Sempre na medida das nosas posibilidades pero sendo conscientes e constantes.

Saias Ledas non é nova. É unha marca que naceu, como tal, alá polo 2009; mais sempre acolleu esta tendencia como parte de si mesma. Os seus deseños son (e foron) inspirados pola natureza galega e a súa propia esencia manual bebe do ecoloxismo. Para esta marca artesá, o máis importante é o respecto pola tradición galega que pasa tamén polo respecto a esa natureza rica e salvaxe que tan ben caracteriza a Galiza. O mantemento e o coidado de cada unha das súas especies, paisaxes e formas de vida. Sen deixar de fixarse nas últimas tendencias e progresos en moda e imaxe, pois evolucionar é parte de vivir.  

Esta tendencia fai que cada día aparezan novos tecidos con menor impacto medioambiental, técnicas de estampación e tinxido pouco agresivas, coiros artificiais de maior calidade… Esperamos que cada día sexan máis accesibles e baratos. Mentres tanto, dende Saias Ledas estamos traballando en buscar teas de gran calidade e proximidade, pero o problema é que para tiradas tan pequenas que empregamos é moi complicado que non se disparen os prezos. Os materiais (como os botóns, as cremalleiras, apliques, etc) comprámolos en pequenas mercerías de Cangas e Vigo.

Facemos o que podemos! Pero cremos que hai diferenza entre comprar unha prenda feita a man integramente, con compoñentes de calidade e comprados en comercios locais, a comprar unha prenda feita en serie, a miles de quilómetros, en condicións seguramente inimaxinables. Esa diferenza é substancial, pero incluso é maior o feito do cambio de mentalidade. É totalmente insostible que cada un de nós cambie un armario completo cada seis meses. Que se deixe de reflexionar sobre o uso que lle vas a dar a esa prenda porque total, se acaba no fondo do armario, tampouco pasa nada.

Chegados a este punto de tolería chamado fast fashion, somos felices coa tendencia antagónica da slow fashion. Este minuto de pausa, de mirar cara atrás, e ver con que nos quedamos do pasado e con que non, para así construír un futuro máis sostible e respectuoso coa nosa saúde física e mental.

Ó fin e ó cabo… As máis ecoloxistas non eran as nosas avoas? Nin embalaxes inútiles, nin cousas superfluas, nada de estragar a comida… As cousas usábanse ata que de verdade había que cambialas. Só hai que adaptar esa actitude ós novos tempos, desaprender certas cousas que nos ensinaron estes últimos 30 anos de evolución tecnolóxica, abrazar a tradición cos ollos da modernidade.