Acuarelas galegas para grandes e pequenos
As acuarelas de Ruth Barcia deixan un bo sabor de boca cada vez que lle botas unha ollada. Son divertidas, coridas e cun toque naíf. Con elas apartas a monotonía da decoración estandarizada que enche as aburridas revistas de móbeis.
Esta nova colección que nos acaba de chegar en exclusiva a Saias Ledas, divídese en tres temáticas distintas: plantas, personaxes infantís e lugares de Cangas. Todas co seu estilo persoal, rápido e fluído, con influencias puntillistas e da ilustración de Europa Central.
As imaxes máis representativas do noso pobo son interpretadas por Ruth cunha visión tranquila. Os faros de Cabo Home, O Facho de Donón, a Fábrica de Massó e a Capela de San Roque, son as localizacións escollidas para esta primeira homenaxe a Cangas do Morrazo. Mar, pedra e natureza, a mellor descripción da Galiza.
Logo están os personaxes antropomorfos. Osos e monstros simpáticos, con gana de viaxar e de disfrutar da vida tranquilamente. E unha casiña que calquera neno querería para o seu mellor amigo imaxinario, no curuto da montaña, coa roupiña a secar.
E as plantas, pequeniñas, nos seus xeitosos tarros. Non che recordan á casa da túa avoa? A maioría son cactus, de distintas especies, duros e delicados ao mesmo tempo.
Todas estas preciosas acuarelas veñen xa con cadanseu marco en branco, negro ou azul. E en dous tamaños: A4 e A5. E só as poderás conseguir na nosa tenda física.
Ruth Bacia ademais de ilustradora tamén é restauradora de obras de arte especializada en escultura. Estudou en Potevedra e actualmente vive en Hamburgo, pero sempre manterá unha estreita relación coa súa terra: O Morrazo. Naceu en Moaña pero os últimos anos pasounos en Cangas, algo que deixa ver na súa arte.
Queres ver máis? Síguenos en Facebook ou Instagram e estarás ó día de todas as nosas novidades! As prendas da marca Saias Ledas, encargos bonitos das nosas clientas e, por suposto, todas as colaboracións con marcas galegas, artesás e orixinais coma esta.