Por que en Saias Ledas non se fan rebaixas?

En Saias Ledas non existen as rebaixas como tal. Queres saber por que?

Saias Ledas non é un comercio ó uso. Non é como a maioría dos pequenos comercios de moda que podes topar en calquera vila ou cidade, e moito menos coma as grandes cadeas de roupa de consumo rápido e efémero.

A roupa da marca Saias Ledas deséñase e confecciónase individualmente. Cada peza ten, como moito, catro réplicas. Case sempre son adaptadas ás características físicas e ós gustos da clienta que vai a usar. Isto é porque a única modista e deseñadora do noso taller é Gloria Barcia. Ademais, traballamos con pedidos de tea pequenos para controlar os excedentes e para manter sempre, en certa medida, o nivel de singularidade de cada peza. Xa de por si, a feitoría artesá imprime na esencia da prenda ese toque único, pero se non hai moita tea para poder facer talles ou versións, a posibilidade de que te atopes con alguén coa mesma saia ca ti é ínfima.

Este xeito de traballar ten unhas claras vantaxes, pero tamén inconvenientes que non sempre son sinxelos de ver ou comprender para os espectadores. Sobre todo un: en Saias Ledas non podemos facer rebaixas. De vez en cando, podemos facer descontos, unha ou dúas xornadas en cada tempada con eles, ou aplicarllos a unha determinada prenda cando queda colgada de coleccións anteriores. Pero rebaixas propiamente ditas: no verán cando inda fai calor, ou no inverno cando inda non podemos sacar a xersei de enriba. Isto, lamentablemente, non o podemos facer. A factura de autónomos non leva rebaixa, o gran esforzo adicado a facer cada prenda non leva rebaixa. É necesario renovar o stock, pero ademais de que o volume de produtos que confeccionamos non é elevado, o estilo e filosofía da nosa marca non permite o descarte das prendas dun ano cara outro.

Como consumidoras de outras marcas de roupa, sabemos que dende a banda das compradoras non é unha boa noticia. Pero ás veces hai que pararse a pensar. Imaxina a túa saia leda favorita, sexa peza por encargo ou xa deseñada, de festa ou de rúa. Senta diante do armario e imaxina que en vez de ter tres prendas baratas e irracionais no armario vas a ter só esa na que estás a pensar. Esa prenda foi meditada, por ti ou pola deseñadora; non vai a pasar de moda en varias tempadas e vai a seguir impecable por moitas veces que a poñas. Todo isto, a parte do feito de que foi creada para ti, vai facer que lle teñas un aprecio especial.

Compensa? Iso ten que decidilo cada quen co seu armario e co seu peto.