• Coleccións
    • Outono 2019
    • Primavera 2019
    • Inverno 2019
    • Primavera 2018
    • Inverno 2018
    • Primavera 2017
    • Inverno 2016
    • Inverno Nenas
  • Coñécenos
  • Blog
  • Tenda
  • Carriño
Saias Ledas

Moda personalizada

saia personalizada

Que significa moda personalizada para Saias Ledas?

A moda da marca Saias Ledas case sempre está personalizada. Pero que significa isto? Pois que podes adaptar calquera prenda á túa talle e gustos.

Cada peza de roupa está deseñada por Gloria Barcia e ela mesma confecciónaa. Soen facerse dúas ou tres réplicas, as cales, cando as probas na tenda, poden axustarse un chisco. Esperas un pouquiño e… listo!

Pero que pasa se a prenda que che gusta non está na túa talle? ou non che gusta a cor? ou gústache a tea pero ese escote non che convence…? Pois só tes que falar con Gloria sobre as túas preferencias e ela informarate das teas dispoñibles, o tempo que tardaría en facela…

Imos pór un exemplo!

Na tempada da primavera 2018, unha das saias levaba un estampado de flores con fondo negro precioso. Pronto se esgotou. Máis dun ano depois, no verán de 2019, recordouse ese estampado.

“Teño ganas dunha saia longa, cun estampado coma o daquela saia cruzada do ano pasado”.

Pois resultou que inda quedaba un retal daquela tea e púidose facer a saia que se estaba a imaxinar.

Ambas saias son xeniais e atemporais!


  • saia leda
  • saia leda estampada
  • saia personalizada
  • saia midi personalizada
  • Saia 2018

Por que en Saias Ledas non se fan rebaixas?

modelos de Saias Ledas na cafetería de Rinoceronte Editora

En Saias Ledas non existen as rebaixas como tal. Queres saber por que?

Saias Ledas non é un comercio ó uso. Non é como a maioría dos pequenos comercios de moda que podes topar en calquera vila ou cidade, e moito menos coma as grandes cadeas de roupa de consumo rápido e efémero.

A roupa da marca Saias Ledas deséñase e confecciónase individualmente. Cada peza ten, como moito, catro réplicas. Case sempre son adaptadas ás características físicas e ós gustos da clienta que vai a usar. Isto é porque a única modista e deseñadora do noso taller é Gloria Barcia. Ademais, traballamos con pedidos de tea pequenos para controlar os excedentes e para manter sempre, en certa medida, o nivel de singularidade de cada peza. Xa de por si, a feitoría artesá imprime na esencia da prenda ese toque único, pero se non hai moita tea para poder facer talles ou versións, a posibilidade de que te atopes con alguén coa mesma saia ca ti é ínfima.

Este xeito de traballar ten unhas claras vantaxes, pero tamén inconvenientes que non sempre son sinxelos de ver ou comprender para os espectadores. Sobre todo un: en Saias Ledas non podemos facer rebaixas. De vez en cando, podemos facer descontos, unha ou dúas xornadas en cada tempada con eles, ou aplicarllos a unha determinada prenda cando queda colgada de coleccións anteriores. Pero rebaixas propiamente ditas: no verán cando inda fai calor, ou no inverno cando inda non podemos sacar a xersei de enriba. Isto, lamentablemente, non o podemos facer. A factura de autónomos non leva rebaixa, o gran esforzo adicado a facer cada prenda non leva rebaixa. É necesario renovar o stock, pero ademais de que o volume de produtos que confeccionamos non é elevado, o estilo e filosofía da nosa marca non permite o descarte das prendas dun ano cara outro.

Como consumidoras de outras marcas de roupa, sabemos que dende a banda das compradoras non é unha boa noticia. Pero ás veces hai que pararse a pensar. Imaxina a túa saia leda favorita, sexa peza por encargo ou xa deseñada, de festa ou de rúa. Senta diante do armario e imaxina que en vez de ter tres prendas baratas e irracionais no armario vas a ter só esa na que estás a pensar. Esa prenda foi meditada, por ti ou pola deseñadora; non vai a pasar de moda en varias tempadas e vai a seguir impecable por moitas veces que a poñas. Todo isto, a parte do feito de que foi creada para ti, vai facer que lle teñas un aprecio especial.

Compensa? Iso ten que decidilo cada quen co seu armario e co seu peto.

Saias Ledas. Taller e tenda.
Saias Ledas é unha marca de roupa artesá con establecemento en Cangas do Morrazo.
Unha marca pequena de moda sostible e de calidade
A confección e deseños das prendas da marca Saias Ledas vén da man de Gloria Barcia, modista e propietaria.
As rebaixas en pezas únicas son moi difíciles de facer.
Unha das pezas únicas con deseño propio de Saias Ledas. Só houbo este modelo e non se volverá a facer.

A moda sostible, tendencia do 2018

moda sostible galega

Por que seguir esta corrente e como contribuimos dende Saias Ledas

Din que a moda sostible é tendencia neste 2018 e en Saias Ledas non podemos estar máis contentas. Queres saber por que e como contribuimos?

Sigue lendo!

A saturación do contacto coa tecnoloxía, o estres polo ritmo de vida urbana, a competitividade constante incluso con nós mesmos, a degradación do medio ambiente… Todos este problemas veñen asolagándonos dende o inicio desta revolución tecnolóxica que vivimos. Antes ou despois era inevitable (e totalmente necesario) que a xuventude se encarara contra este planeta que se toparon e nos encamiñe cara unha sociedade un pouco menos autodestrutiva. A isto chámanlle moda, pero unha moda é un gusto colectivo cambiante e relativo. O ecoloxismo non pode ser unha moda pasaxeira. É algo que temos que ir integrando pouco a pouco nas nosas vidas. Sempre na medida das nosas posibilidades pero sendo conscientes e constantes.

Saias Ledas non é nova. É unha marca que naceu, como tal, alá polo 2009; mais sempre acolleu esta tendencia como parte de si mesma. Os seus deseños son (e foron) inspirados pola natureza galega e a súa propia esencia manual bebe do ecoloxismo. Para esta marca artesá, o máis importante é o respecto pola tradición galega que pasa tamén polo respecto a esa natureza rica e salvaxe que tan ben caracteriza a Galiza. O mantemento e o coidado de cada unha das súas especies, paisaxes e formas de vida. Sen deixar de fixarse nas últimas tendencias e progresos en moda e imaxe, pois evolucionar é parte de vivir.  

Esta tendencia fai que cada día aparezan novos tecidos con menor impacto medioambiental, técnicas de estampación e tinxido pouco agresivas, coiros artificiais de maior calidade… Esperamos que cada día sexan máis accesibles e baratos. Mentres tanto, dende Saias Ledas estamos traballando en buscar teas de gran calidade e proximidade, pero o problema é que para tiradas tan pequenas que empregamos é moi complicado que non se disparen os prezos. Os materiais (como os botóns, as cremalleiras, apliques, etc) comprámolos en pequenas mercerías de Cangas e Vigo.

Facemos o que podemos! Pero cremos que hai diferenza entre comprar unha prenda feita a man integramente, con compoñentes de calidade e comprados en comercios locais, a comprar unha prenda feita en serie, a miles de quilómetros, en condicións seguramente inimaxinables. Esa diferenza é substancial, pero incluso é maior o feito do cambio de mentalidade. É totalmente insostible que cada un de nós cambie un armario completo cada seis meses. Que se deixe de reflexionar sobre o uso que lle vas a dar a esa prenda porque total, se acaba no fondo do armario, tampouco pasa nada.

Chegados a este punto de tolería chamado fast fashion, somos felices coa tendencia antagónica da slow fashion. Este minuto de pausa, de mirar cara atrás, e ver con que nos quedamos do pasado e con que non, para así construír un futuro máis sostible e respectuoso coa nosa saúde física e mental.

Ó fin e ó cabo… As máis ecoloxistas non eran as nosas avoas? Nin embalaxes inútiles, nin cousas superfluas, nada de estragar a comida… As cousas usábanse ata que de verdade había que cambialas. Só hai que adaptar esa actitude ós novos tempos, desaprender certas cousas que nos ensinaron estes últimos 30 anos de evolución tecnolóxica, abrazar a tradición cos ollos da modernidade.

saia de inverno
ilustración bordada
pantalón de verán

Instagram

INFORMACIÓN LEGAL

AVISO LEGAL

POLÍTICA DE PRIVACIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS

busca neste sitio

Copyright 2019 Saias Ledas